18 de julio de 2007

O. Messiaen: Le merle noir

» Leer la entrada en castellano
Este artigo foi publicado previamente na páxina de Audiocámara do Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
» O. MESSIAEN: "Le merle noir"
O. MESSIAEN (1908-1992)A irresistible atracción polo canto dos paxaros e o seu indesmaiable fe católica constitúen os polos de atracción de boa parte da traxectoria creadora do organista, pianista e compositor francés Olivier Messiaen, sen dúbida unha das voces máis recoñecibles e excepcionais da Historia da música do século XX. Obras fundamentais do repertorio organístico das últimas décadas como A Natividade do Señor (1935), Os corpos gloriosos (1939), Libro de órgano (1951), Meditacións sobre o Misterio da Santísima Trindade (1969), do pianístico -Visións do Amén (1943), Vinte miradas ao Neno Xesús (1944), Catálogo de paxaros (1956-68), A Fauvette des jardins (1970)-, do orquestral como A Ascensión (1933), Paxaros exóticos (1956), Et expecto resurrectionem mortuorum (1964), ou a magna ópera San Francisco de Asis (1975-83) son exemplos sobresalientes desta dobre inspiración.

Afastada destes grandes frescos sonoros onde a inimitable paleta tímbrica do mestre de Avignon deixase testemuño da súa mellor inspiración, a música de cámara ocupa no seu catálogo un lugar de xeito evidente secundario cunha única excepción: a do estremecedor e moi difundido Cuarteto para o fin dos tempos de 1941. Entre esta obra maxistral e Le tombeau de Jean-Pierre Guézec, unha confidencial peza de circunstancias para corno inglés escrita por Messiaen en 1971, sitúase Le merle noir, páxina breve escrita para o concurso de frauta do Conservatorio Nacional Superior de Música de París que fai referencia ao canto dun paxaro (o merlo negro) que reaparecerá en non poucas partituras orquestrais posteriores do músico.
Tras uns acordes ameazadores do teclado, en a penas seis minutos sucédense unha cadencia da frauta (marcada "un pouco vivo, con fantasía") seguida dun diálogo entre os dous instrumentos ("case lento, tenro") introducido por un motivo soñador exposto no piano e retomado pola frauta. Unha segunda cadencia desta e un novo diálogo preceden á brillante e xubilosa explosión final nun tempo moi vivo. Como sinala a pianista Yvonne Loriod, viúva do músico e extraordinaria intérprete da súa obra, "todas as notas resoan no pedal, como pedras de cores que se entrechocan" nesta páxina composta "á gloria da fantasía, o virtuosismo e o xenio do merlo negro".
  • Notas ao programa de mán "Música de cámara de la Orquesta Sinfónica y Coro de RTVE (X)



Emmanuel Pahud, frauta
Eric le Sage, piano












Le merle noir (5:57)

Matti Helin, frauta
Jussi Siirala, piano

» Leer la entrada en castellano
Blogalaxia Tags:
Technorati Tags: