20 de mayo de 2007

W. A. Mozart: Quinteto para clarinete e cordas, KV 581 (Estudio)

Este artigo foi publicado previamente na páxina de Audiocámara do Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
» W. A. MOZART: Quinteto para clarinete e cordas, KV 581
» Escoitar diferentes interpretacións da obra
» Ver unha versión en vídeo
» Leer el artículo en castellano
WOLFGANG AMADEUS MOZART (1756-1791)De todos os instrumentos, ¿existe algún que poida asociarse máis estreitamente a Mozart que o clarinete? A súa soa evocación ¿non trae inmediatamente ao noso recordo tal frase do Trío, do Quinteto ou do Concerto, as tres obras mestras que Mozart consagrou ao clarinete? E, no entanto, este instrumento, o último en incorporarse á orquestra clásica, non era aínda moi corrente na época. Se Mozart non foi o primeiro en utilizalo nin en confiarlle un papel de solista -os músicos de Mannheim, e especialmente o seu xefe de filas Jan Vaclav Stamic (Stamitz) precedéronlle neste vía-, si foi quen lle deu as súas auténticas cartas de nobreza, insuperadas ata hoxe.

O clarinete adquire no seu caso, por outra banda, unha significación extramusical moi particular. Desde a afiliación do compositor á francmasonería (finais de 1784), o clarinete converteuse no instrumento por excelencia da fraternidade masónica, ocupando un lugar preeminente en todas as obras que compuxo con destino ás cerimonias da Logia. Desbordando ata este marco, el deu o seu sentido esotérico e iniciado a todas as obras instrumentais nas que participou, solista ou non. O seu papel en Cosi fan tutte, pero, sobre todo, na Frauta máxica e no Réquiem, non fai falta subliñalo desde este punto de vista. As particularidades da súa factura virán ata en apoio deste papel simbólico: sábese que a cifra tres posúe unha significación masónica esencial, polo que as tonalidades de mi bemol (tres bemoles na clave) e de la maior (tres sostidos) conveñen especialmente ao clarinete. E son tres estas obras mestras de Mozart.

E hai que considerar, finalmente, a Anton Stadler (1753-1812), irmán en masonería e amigo íntimo de Mozart, o máis grande clarinetista do seu tempo. Con destino a el compuxo Mozart o Trío, o Quinteto e o Concerto. Semellante encontro artístico renovaríase exactamente un século máis tarde, cando Johannes Brahms compuxo as súas últimas obras para o clarinetista da Orquestra de Meiningen, Richard von Mühlfeld.
Os lazos puramente humanos desempeñaron decididamente un papel capital na eclosión das obras para clarinete de Mozart: a familia Jacquin está na orixe desta páxina marabillosa que é o Trío en mi bemol maior, K. 498 (1786) e da súa fascinante distribución instrumental: piano, clarinete e viola. Obra de inspiración totalmente masónica (dedicatarios, intérpretes, tonalidade, instrumentación), ela canta, como xustamente expresaron Jean e Brigitte Massin, «a tenrura da amizade fraterna no seo dun grupo humano». O Quinteto en la maior viu a luz en circunstancias ben diferentes, tres anos máis tarde. Vítima dunha soidade artística e humana crecente, incomprendido e medio esquecido polo público vienés, enfrontado a angustiosas preocupacións pecuniarias agravadas polas constantes enfermidades da súa muller, Mozart viviu meses ben tristes e a súa produción neste ano de 1789 é moito menos abundante que no feliz período do Trío. Traballando en Cosi fan tutte, ópera terminada no seguinte xaneiro, saldou unha débeda de amizade con Anton Stadler ofrecéndolle o Quinteto terminado o 29 de setembro de 1789. O 22 de decembro, o dedicatario faría o estreo no curso dun concerto benéfico que non deixaría ao moi necesitado Mozart ningún diñeiro.

O Quinteto "a Stadler", primeira obra na historia da música que xunta ao clarinete e ao cuarteto de cordas, coñeceu unha magnífica descendencia: Weber, Brahms e Reger. No entanto, a perfección da obra mozartiana permanece insuperada, pois, o mesmo que o Concerto terminado en setembro de 1791, explota a fondo todas as posibilidades tímbricas e expresivas do instrumento, especialmente o seu rexistro grave que Stadler cultivaba con predilección.
O Quinteto é tamén de inspiración puramente masónica, e J. e B. Massin recordan moi á propósito que a tonalidade en la maior era a mesma no Cuarteto K. 464, primeira obra composta por Mozart logo da súa iniciación. É unha obra feliz, tenra e moi vibrante de doce calor humana. Máis brillante sen dúbida, máis ambiciosa, máis elaborada e máis vasta que o Trío, por outra banda non é menos rica en espiritualidade e vida interior. O clarinete intégrase milagrosamente no conxunto instrumental sen relegar nunca aos arcos ao papel de acompañantes, como máis tarde sucederá no Quinteto de Weber. Polo demais, estes son quen expoñen o tema lírico e apracible do Allegro inicial. Nesta forma sonata concisa, onde o desenvolvemento dos temas, segundo o costume en Mozart, non ocupa máis que un lugar limitado, pódense distinguir ata cinco ideas melódicas. Non hai coda.

2. O Larghetto en re, sublime efusión de esencia puramente melódica, é equiparable ao Adagio do futuro Concerto. A súa atmosfera de refinado nocturno é subliñada polo veo das sordinas imposto aos arcos durante todo o seu curso.

3. A esta cima expresiva da obra segue un Minuetto de encanto bucólico e popular á vez, cun desenvolvemento pouco común e dous tríos. O primeiro deles, en la menor, reservado ás cordas soas, tende unha sombra pasaxeira sobre esta obra serena, pero o segundo (la maior) ofrécenos un verdadeiro Ländler alpino, onde o clarinete reencontra as súas orixes ao transformarse pasaxeiramente en alegre chalumeau de pastor tirolés.

4. O Finale (Allegretto) coroa a obra cun tema con variacións onde Mozart logra admirablemente sacar as consecuencias máis imprevistas dun tema dunha simplicidade case inxenua. Na primeira variación, o clarinete canta un contrasuxeito que case fai as veces de segundo tema (vólveselle a atopar nas variacións 2 e 5), e que, á súa vez, estaba claramente anunciado no segundo trío do Minuetto. As dúas variacións seguintes reservan a primacía respectivamente ao primeiro violín e a viola, contentándose o instrumento de vento cun papel máis esfumado. A cuarta variación reencontra, tralo veo melancólico da precedente, o gozo e o bo humor, co clarinete prodigándose en exuberantes figuracións. Unha breve transición, que desemboca nun caldeirón, introduce entón a quinta variación, un Adagio moi coñecido, dunha limpidez e unha tenrura marabillosas. Unha nova detención precede á viva e arrebatadora coda coa que o Quinteto termina nun gran estalido de alegría e de luz.
  • H. Halbreich
  • Guía de la música de cámara
    pp. 1011-1013
  • Dirixida por Françoix-René Tranchefort
  • Alianza Dicionarios
    Madrid 1995
» Leer el artículo en castellano
» Escoitar diferentes interpretacións da obra
» Ver unha versión en vídeo
Blogalaxia Tags: