29 de abril de 2007

Trio para piano, violín e trompa, en mi bemol maior, op. 40 - Estudio

Este artigo foi publicado previamente na páxina de Audiocámara do Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
» J. BRAHMS: Trio para piano, violín e trompa, en mi bemol maior, opus 40
» Escoitar diferentes interpretacións da obra
» Ver unha versión en vídeo
J. BRAHMS (1833-1897)Comezado durante o verán de 1864, durante unha estancia en Baden-Baden, esta partitura non foi terminada ata a primavera do ano seguinte, cando o compositor (daquela de trinta e un anos de idade) acababa de perder á súa nai: con todo, é inexacto alegar que a obra foi escrita en memoria deste ser querido, por máis que Brahms reunise aquí os tres instrumentos que practicou na súa primeira mocidade. En realidade, as paisaxes da Selva Negra, frecuentadas en 1864, son as que lle inspiraron; el mesmo o confirmaría ao seu amigo Dietrich durante un paseo polos arredores de Baden en 1867: «Camiñaba unha mañá e, no momento en que cheguei alí, o sol púxose a brillar entre os troncos das árbores: a idea do Trío veume inmediatamente ao espírito co seu primeiro tema». Por conseguinte, é obra de Natureza e «natural» tanto na súa sobriedade como no seu sentimento dominante. É de notar que o músico non emprega a trompa moderna, xa por entón de uso estendido, senón a trompa de caza , o que limita as posibilidades técnicas do instrumento, pero vivifica as sonoridades poéticas e marabillosamente evocadoras: en efecto, son estas calidades «colorísticas» do instrumento as que Brahms quixo resaltar, rexeitando por completo o papel de primeiro plano, a elocuencia ostentosa dun solista. O Trío op. 40 é, certamente, unha excepción na historia da música de cámara xermana do século XIX, posto que a trompa case non tivera oportunidade de manifestarse abertamente máis que na Sonata op. 17 de Beethoven. Pero, no entanto, foi unha voz «romántica» por excelencia, e Brahms, aínda preservando aquí o equilibrio clásico das súas obras máis significativas, non tivo dificultade para persuadirnos diso. A primeira audición pública da obra foi dada o 7 de decembro de 1865 en Karlsruhe (Simrock publicouna a finais de 1866): o compositor estivo ao piano e dous membros da orquestra do gran ducado -o trompista Segisser e o violinista Ludwig Strauss- prestaron o seu concurso. Non temos información sobre a acolleita dispensada a unha partitura que Brahms quixo sempre especialmente e que pese a iso -debido quizais ás dificultades da parte de trompa e á súa relativa desaparición- non se toca frecuentemente.

1. Andante : como primeiro movemento, nada do tradicional allegro de sonata, senón un Andante de moi orixinal factura que se estrutura así: o Andante inaugural, en 2/4 (setenta e seis compases); unha sección Poco più animato , en 9/8 (corenta e un compases); tras unha «ponte», Tempo primo , é dicir, volta ao Andante inicial (trinta e seis compases); «ponte» e aparición dun novo Poco più animato (trinta e tres compases); despois, Tempo primo a modo de episodio final, completado cunha coda (en total, un pouco máis de douscentos corenta compases). Tal disposición formal -tres aparicións do Andante , con dous episodios máis vivos- parece gobernada pola máis libre fantasía; seica as esixencias instrumentais da trompa aconsellaron talles alternancias de movemento. O tema principal do Andante , coa indicación de dolce espressivo , de ámbito estreito e como velado de ilusión e melancolía, permite introducir ao instrumento de vento, sen brusquidade, no noveno compás. O segundo tema pertence ao Poco più animato e é máis solto, externo e cálido. Un terceiro tema fai, por dúas veces, función de «ponte» (segundo a disposición máis arriba descrita).

2. Scherzo ( Allegro en 3/4, en mi bemol maior): o scherzo propiamente dito, vigoroso, violento incluso, desde logo non desprovisto de certo sentido do humor, adopta unha forma de sonata con dous temas: o primeiro, rítmico, a partir de oitavas do piano; o segundo (compás 60), melódico. Sobrevén un breve desenvolvemento, antes dunha reexposición ortodoxa (en total, douscentos setenta e sete compases). O trío { Molto meno allegro ), en la bemol menor, presenta -como de costume- un único tema, de carácter popular, máis calmo e lixeiramente triste. De seguida se repite o scherzo literalmente.

3. Adagio mesto (en mi bemol menor, en 6/8): como no movemento inicial, Brahms adopta aquí o principio de alternancia de motivos, cun raro carácter improvisatorio. O sentimento dominante, moi interiorizado, parece o da aflicción, ou o dunha inquietude ou unha certa inestabilidade (os comentaristas da obra refírense aquí á dor do compositor pola perda da súa nai). Á vez sombrío e solemnemente recollido, matizado de claroscuros, a expresividade parece por completo enfocada a resaltar os matices sonoros do instrumento de vento, aquí tratado melodicamente, con delicado contrapunto violinístico, coa maior simplicidade; en contraste, a parte de piano mostra unha escritura harmónica recargada, ata profusa. Dous temas emparentados son utilizados, distribuídos en catro seccións das cales a última ofrece unha alusión ao tema principal do Finale , premonición da alegría de vivir que iluminará, finalmente, estas páxinas un pouco melancólicas.

4. Finale: Allegro con brio. No compás de 6/8 do movemento precedente, se encadea este sen solución de continuidade, como precipitadamente, e evocando de súpeto visións de gran movemento, de montería, de galops , de fanfarrias. A forma sonata parece aquí a oportuna, co emprego de catro temas que crean un mesmo clima expresivo. Os tres primeiros preséntanse na exposición; o cuarto aparece xa no desenvolvemento, e soamente alí. A reexposición é de disposición practicamente idéntica á exposición, mentres que a coda emprega sobre todo o primeiro tema. Este simple esquema non pode, certamente, explicar o carácter eminentemente espontáneo e un pouco rudo deste Finale sobre o que máis dun criticou, moi inxustamente, o convencionalismo da forma un tanto haydniana (sen dúbida, o Haydn de «A Caza»). Pero é preciso subliñar ata que punto el encerra -complementando admirablemente aos tres movementos anteriores- o espírito alemán dos profundos bosques poboados de lendas, ao cal a trompa -este Wunderhorn dos poetas- dá aquí a súa máis fiel expresión.
  • Françoix-René Tranchefort
  • Guía de la música de cámara
    pp. 263-264
  • Dirixida por Françoix-René Tranchefort
  • Alianza Dicionarios
    Madrid 1995
» Escoitar diferentes interpretacións da obra
» Ver unha versión en vídeo
Blogalaxia Tags:
» Leer el artículo en castellano