A. Glinka: Trío patético en re menor
Este artigo foi publicado previamente na páxina de Audiocámara do Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
» M. GLINKA: Trío patético, para piano, clarinete e fagote
Foi escrito en 1832, baixo a impresión dun dobre desfalecemento, físico e sentimental. Glinka continuaba sufrindo crises nerviosas, pese aos coidados aportados polo Dr. Filippi, á vez que se vía rexeitado por unha muller casada. A obra, para piano, clarinete e fagote, foi estreada na súa formación orixinal en Milán, no outono de 1833, polo compositor ao piano e dous solistas da Scala quen exclamaron: «Ma questo e disperazione!» (.«¡Pero isto é desesperación!»). Trala súa edición moscovita, en 1878, sempre baixo a dirección de Balakirev, fíxose unha versión para piano, violín e violoncello.Integrado por catro movementos relativamente breves, o Trío patético presenta a forma dunha fantasía nun só trazo; os tres primeiros están practicamente fundidos e constitúen un canto cíclico que oscila entre un patetismo doente e un lirismo máis interiorizado, con algún escape cara á luz e a esperanza.
O Allegro introductorio está en estrita forma sonata, sen reprise. O ton enérxico da exposición conduce directamente a unha tensión lírica e ao subliñado dun verdadeiro leitmotiv que servirá como «desdobramento» da personalidade profunda do narrador, ora épica, ora pateticamente lírica.
O segundo movemento é un scherzo Vivacissimo cuxas pasaxes extremas aportan un sólido armazón á obra, mentres que o episodio central (trío, meno mosso), confiado ao fagote, baséase nunha melodía ardente e apaixonada. O terceiro movemento, Largo, é un recordo de cantilena italiana que se toca nos diferentes rexistros dinámicos do clarinete, e que ao ser tomado polo piano se colorea cas tinturas sombrías do fagote. O piano exprésase a solo, unha última vez, sobre o leitmotiv orixinal. O final Allegro con spirito retoma os temas dos tres primeiros movementos, pero cunha presentación deliberadamente falta de nervio, antes de que unha coda altiva e virtuosística sirva un resumo maxestoso e de bela amplitude.
- P.-E. Barbier
- Guía de la música de cámara
p. 541 - Dirixida por Françoix-René Tranchefort
- Alianza Dicionarios
Madrid 1995
The Borodin Trio
I. Allegro (5:55)
II. Vivacissimo (3:52)
III. Largo (5:48)
IV. Allegro con spirito (2:03)
» Escoitar a obra completa nunha fiestra independente
(Permite continuar navegando polo sitio)
» Leer el artículo en castellano








0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada