10 de febrero de 2007

L. van BEETHOVEN: Cuarteto Opus 18 nº 1

» Leer la entrada en castellano
Este artigo foi publicado previamente na páxina de Audiocámara do Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
» L. van BEETHOVEN: Cuarteto en fa maior, Opus 18 nº 1
» Escoitar diferentes interpretacións da obra
» Ver unha gravación en vídeo da obra
LUDWIG VAN BEETHOVEN (1770-1827)O primeiro dos seis cuartetos dedicados ao príncipe Lobkovitz foi composto en segundo lugar. Os seus primeiros esbozos apareceron en 1799; así pois, son posteriores aos do Cuarteto nº 3 en re maior . En principio, Beethoven habíao dedicado ao seu amigo Amenda, pastor protestante; o manuscrito que este posuía levaba a inscrición «Quartetto nº II», así como a data do 25 de xuño de 1799. Beethoven traballou moito neste cuarteto: sabemos, pola súa propia confesión, que transformou considerablemente a obra, en particular o primeiro movemento, despois de remitir ao seu amigo a partitura orixinal. En canto ao seu emprazamento como segundo cuarteto na colección op. 18 , foi Schuppanzigh, tan a miúdo primeiro intérprete dos cuartetos beethovenianos, quen llo suxeriu. O Cuarteto en fa maior é o máis longo e o máis brillante da serie e posúe unha feliz vitalidade, mentres que a súa tonalidade de fa , dalgún xeito a máis sinxela, o cualificaba sen dúbida para abrir o conxunto. É de notar que tamén será en fa maior o cuarteto décimo sexto que virá pechar a totalidade dos seus cuartetos de corda publicados. A segunda versión da obra foi escrita no curso do ano 1800. Como sucede en todo o conxunto da op. 18, a data do estreo público énos descoñecida. A primeira interpretación privada tería lugar ben na casa do príncipe Lobkovitz (co Cuarteto Wranitski) ou ben na casa do príncipe Lichnovski (polo Cuarteto Schuppanzigh). A publicación tivo lugar en Viena, en xuño de 1801, a cargo de Molió. É notable, por outra banda, que Haydn mostrou pouca estima por estes cuartetos da op. 18 , singularmente por este: «Haydn, aínda que bastante satisfeito con esta obra, non descubriu nela ningunha orixinalidade e non quixo ver nela máis que unha fusión do seu propio estilo co de Mozart» (Carponi). Ten catro movementos.

1. Allegro con brio (en 3/4 ): todo o movemento queda impregnado polo motivo de arranque, de dous compases, enérxico, decidido, enunciado abruptamente polos catro instrumentos ao unísono. Sabemos, polos seus cadernos de notas, que este tema coñeceu numerosos cambios antes de atopar a sús condensada forma definitiva, indo da tónica á dominante inferior. Dous tempos de silencio: o motivo brota de novo, tan incisivo, pero lixeiramente transformado na súa conclusión (caída sobre re e non sobre do ). Resulta indubidable que Beethoven buscou non soamente o mellor perfil deste tema, senón tamén a súa capacidade de procrear o desenvolvemento que lle destinou. O resto do movemento, en forma sonata, está determinado, en efecto, por esta dinámica imposta. O motivo, presentase constantemente nos catro instrumentos, ben dous a dous ou en imitacións, incesantemente variado no seu deseño melódico á vez que fixo na súa configuración rítmica, ocupará todo o desenvolvemento central. O mesmo segundo tema pouco escapará da súa atracción: tema vivo, «feliz», que se acomoda sen dificultade ao acompañamento do violoncello do motivo inicial. Rápido ritornello ascendente en notas picadas, repetido despois dúas a dúas cunha breve elaboración polifónica. O primeiro tema aínda aparece en imitación do violín ao violoncello antes de algúns acordes en sforzando que volverán a levar ao ritornello , esta vez descendente, tras o cal despega o desenvolvemento sobre o tema inicial. O desenvolvemento confirma a tendencia ao monotematismo, así como a unha explotación audaz de todos os contrastes. Nótese a importancia dada aos silencios (algunha vez dun compás enteiro), como puntuando o discurso implacablemente. A reexposición pode cualificarse de normal, cunha coda bastante desenvolvida na que se presenta unha vez máis o tema baixo un aspecto máis riseiro, antes de eclipsarse discretamente.

2. Adagio affettuoso ed appassionato (en 9/8 ): reparemos primeiramente na anécdota: sobre este movemento, Beethoven diría a Amanda que, pola súa banda, vía nel a descrición de «dous amantes en transo de separarse» e que se había imaxinado «a escena da tumba de Romeo e Giulieta». Un dos primeiros borradores do final do movemento leva igualmente a mención «os últimos suspiros». Así pois, un sentimento persoal inspirou con forza este apaixonado Adagio ; sen contar coa súa tonalidade de re menor, perfectamente adaptada. Domina a forma sonata bitemática. Sobre o trazo regular de nove corcheas por compás (segundo violín, viola e cello), o primeiro tema álzase dolorosamente no ámbito do patético intervalo de sétima diminuída. A frase parece non acabar: despois é retomada máis intensamente polo violoncello no extremo do seu rexistro e, en eco, polos dous violíns que intercambian un novo canto, en fa maior, que supón un alixeiramento da escritura. O desenvolvemento central, enmarcado en densos silencios, fai reaparecer, tallada, a dolorosa frase do primeiro tema, en tráxicos deseños de fusas. A queixa se esvaece en catro acordes que alcanzan o ppp , entre profundos silencios. Unha bela modulación a do menor abre a reexposición na cal reaparecen o acompañamento lacerante e fúnebre do comezo do movemento, así como os tráxicos deseños en fusas. Xunto aos bocexos para a grande e espléndida coda, como habemos dito, o apunte de «os últimos suspiros» xustifica que Beethoven multiplique as indicacións de matices e concentre a emoción dramática en trémolos, trazos de fusas, breves arabescos. Todo termina espressivo , disólvese tras un trémolo extraído dun acorde de sétima.

3. Scherzo: Allegro molto (en 3/4 ): a beiras do silencio nace o breve e murmuriante Scherzo . O seu tema, lixeiro e ascendente, está subliñado por trinos e staccatos . Presenta dous partes, ambas repetidas. O trío, coas súas fortes chamadas, á oitava, seguidas dun amplo arabesco do primeiro violín, de acentos festivos de danza popular, aporta unha especie de contraste rústico; tamén está estructurado en dúas seccións repetidas, antes da recapitulación do Scherzo .

4. Allegro (en 2/4 ): o Finale desprégase como un gran rondó-sonata que pretende alcanzar a amplitude dos dous primeiros movementos. Descóbrese certa superabundancia de ideas, o que caracteriza ao Beethoven da época, aínda que o efecto global apareza un tanto arbitrario, como desprovisto de motivacións. Unha progresión mediante frases largas caracteriza a súa evolución a cal, con todo, non convén á natureza dos seus temas, «unha festa de ritmos e de cores» (Brigitte Maissen). O tema estribillo é unha sucesión de tresillos, enérxicos e envolventes, que se detén en tres notas picadas; o seu dobre enunciado está entrecortado por silencios. O primeiro episodio intercalado, máis desenvolto e parece orientado cara a sonoridades orquestrais, antes da aparición de vivas imitacións a cargo dos dous violíns. Volve o tema principal, no seu ser aínda que un grado máis alto; cara ao final, unhas imitacións anuncian o segundo episodio que fai as veces de «desenvolvemento»: é a parte máis bela, aínda que un pouco estirada, deste último movemento que parece suscitar algún recordo do Adagio (sucesión regular de corcheas, dozura do clima, estrañas modulacións cara a re bemol, logo cara a do maior e despois cara ao mi bemol maior). Os dous elementos distintivos que se alternan nesta pasaxe son un fugato baseado en elementos do estribillo e unha encantadora melodía que dará lugar, para

acabar este desenvolvemento, a un brillante ritornello do tema estribillo. Este aínda aparece unha terceira vez baixo a súa forma inicial, antes dunha reexposición idéntica... Unha pasaxe en si bemol maior (en lugar de fa ) traerá por última vez o estribillo arrastrando no seu despeiteada carreira á coda, cun fugato que recorda ao do episodio central, como un «triunfo da vontade activa» (Brigitte Massin).
  • F.-R. Tranchefort
  • Guía de la música de cámara
    pp. 122-125
  • Dirixida por Françoix-René Tranchefort
  • Alianza Dicionarios
    Madrid 1995



  Quartetto Italiano




I. Allegro con brio (8:57)
II. Adagio affettuoso ed appassionato (9:30)
III. Scherzo. Allegro molto (3:26)
IV. Allegro (6:36)
» Escoitar a obra completa nunha fiestra independente
(Permite continuar navegando polo sitio)



  Kalamos Clarinet Quartet




I. Allegro con brio (8:57)
II. Adagio affettuoso ed appassionato (9:30)
III. Scherzo. Allegro molto (3:26)
IV. Allegro (6:36)
» Escoitar a obra completa nunha fiestra independente
(Permite continuar navegando polo sitio)
» Ler un estudo da obra
» Ver unha gravación en vídeo da obra

Este artigo foi publicado previamente na páxina de audiocámara do Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
» Beethoven: Cuarteto Opus 18 nº 1

» Leer el artículo en castellano